Thursday 16 de May de 2024

O Concello require novamente a Costas a urxente reparación do paseo de Santa Cruz


O Concello remitirá por escrito á Dirección Xeral de Costas un novo informe alertando da grave situación de estabilidade que presenta o Paseo Marítimo de Santa Cruz, con serio risco de afundimento ante os ocos existentes, nos que xa colle unha persoa. Costas leva varios anos facendo oídos xordos ás continuas reclamacións por parte do Concello dunha aportación de area á praia para impedir a erosión das bases do paseo.

Dada a gravidade da situación, o Concello esixirá que Costas actúe de urxencia para garantir a estabilidade do paseo. De non ser así, denunciaranse os feitos ante a fiscalía por non asumir as competencias propias que lles outorga a lei e poñer en serio risco a seguridade cidadá.

Ao carecer de area a praia, o mar embiste con maior facilidade contra a estrutura do paseo, erosionando continuamente o seu interior e ocasionando importantes danos estruturais como os que hai neste momento. Ao non ser atendidas a tempo as reclamacións do Concello, o actual deterioro do pavimento é moi importante, ata o punto de que en varias zonas está a piques de afundirse.

Para velar pola seguridade cidadá, o paseo atópase acordoado para evitar posibles danos persoais. Lémbrase a todos os cidadáns a importancia de non saltar os precintos policiais.